Validez do BOPPO electrónico

A edición electrónica do Boletín Oficial da Provincia, publicada na sede electrónica da Deputación: www.depo.es, e na subsede do BOP: www.boppo.depo.es, a partir do día 1 de xuño de 2010 ten carácter oficial e é auténtica, derivándose dela os efectos previstos no título preliminar do Código Civil e nas restantes normas aplicables.

Antes desta data só se consideraba oficial e auténtica a edición do Boletín Oficial da Provincia impresa en papel. Para garantir a autenticidade, integridade e inalterabilidade do contido do BOP a edición electrónica publicada na sede da Deputación, a partir do 1 de xuño de 2010, incorpora a sinatura dixital.

Ata o 12 de decembro do 2014 a sinatura dixital aplicábase ó arquivo PDF que englobaba o total de anuncios publicados cada día. Por iso para os boletíns anteriores á devandita data é o documento global de cada día o que ten validez legal.

A partir desa data xéranse diversos arquivos PDF: un co sumario dos anuncios publicados nesa data, e outro por cada un dos anuncios. Son estes documentos do sumario e dos anuncios individuais os que están asinados dixitalmente e, polo tanto, son válidos legalmente.

Para facilitar a consulta das publicacións realizadas despois do 12 de decembro do 2014, tamén é posible acceder á versión HTML do sumario e dos anuncios (estes tanto no idioma orixinal en que o enviou o seu publicador coma nunha tradución automática realizada polo portal do BOPPO).

Da mesma forma ofrécese un arquivo PDF en que se agrupan todos os anuncios publicados nunha data concreta. Non obstante debe terse en conta que tanto o sumario e os anuncios en formato HTML, como as traducións automáticas ou o documento PDF que agrupa todas as publicacións de cada día, teñen carácter meramente informativo sen validez legal.